Friday 26 de April de 2024

A Xunta inicia as obras de ampliación da depuradora de Rianxo, cun investimento de máis de 7,5 millóns de euros


Con esta intervención a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ten como obxectivo resolver os problemas de capacidade e eficiencia destas instalacións

A Xunta está a iniciar as obras de ampliación da Estación depuradora de augas residuais de Rianxo, cun investimento de máis de 7,5 millóns de euros.
A actuación impulsada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, ten por obxectivo adecuar a capacidade de tratamento destas instalacións ás necesidades reais e solucionar a problemática actual derivada do excesivo volume de augas residuais en rede e da súa carga contaminante.
Para conseguir esta dobre mellora, tanto da capacidade de tratamento como da eficiencia da depuradora, executarase unha condución de impulsión, a ampliación da propia Estación depuradora e, finalmente, conducións para o desaugadoiro.
Máis en concreto, construiranse dúas liñas de tratamento das augas independentes e cada unha recibirá a metade do caudal que pode tratar a instalación. Cada unha destas liñas contará cos seguintes procesos: tamizado, desarenado-desengrasado, tratamento biolóxico, desinfección por ultravioleta e liña de lodos.
Tamén contará cunha liña de pretratamento común para a totalidade do caudal.
Así mesmo, a execución das dúas liñas de tratamento farase en dúas fases distintas, o que permitirá que a depuradora actual funcione en todo momento.
Co remate destas obras e coa entrada en servido da depuradora, o núcleo de Rianxo contará coa capacidade de depuración suficiente para todo o caudal xerado na aglomeración. A planta depuradora terá unha capacidade total para 23.163 habitantes-equivalentes.
Ampliación do novo colector e tanque de tormentas
Cómpre lembrar que as obras de ampliación da depuradora de Rianxo completan as actuacións que se están a executar xa no tanque de tormentas e coa ampliación do novo colector, cun investimento de 6,5 millóns de euros.
O investimento total nestas actuacións para mellorar o saneamento e o sistema de depuración de Rianxo acadan un importe de 14 millóns de euros, e contan con financiación nun 80% do programa operativo europeo FEDER.
Estas actuacións permitirán así, non só mellorar o servizo de saneamento e depuración que se lle presta aos veciños de Rianxo, coa conseguinte mellora da súa calidade de vida, senón tamén, acadar unha xestión eficaz e eficiente da auga. Isto incidirá na mellora da calidade das augas da ría e na recuperación de zonas costeiras, algo esencial para a pesca, o marisqueo e o turismo da zona.
Estas actuacións forman parte do Plan de saneamento local para a Ria de Arousa, un dos primeiros redactados desde a Xunta e marcou un fito importante na forma de abordar o saneamento das rías galegas.